luns, 7 de novembro de 2016

Axentes do servizo secreto retiran Trump do escenario por unha falsa ameaza.

Distintas fontes sinalaron días atrás que a CIA baralla a hipótese dun ataque de Al Qaeda nas vésperas do duelo eleitoral da próxima terza feira. Con esta previsión en mente explícase mellor o incidente producido este sábado no mitin de Trump en Reno, Nevada.
Este sábado, Trump protagonizou os minutos de ouro dos telexornais ao se coñecer que axentes dos servizos secretos se viron obrigados a irromper no escenario para o retirar do atril mentres se verificaba unha ameaza contra a súa persoa.
A ameaza resultou ser unha persoa que no público blandía unha faixa na que se podía ler “Republicanos contra Trump”. Identificouse como Austyn Crites. A súa versión é que, apupado polos leais ao candidato, el berrou: “Non é uha pistola. É un cartaz”. Berrar gun nun mitin nesta campaña é garantía de que o sofisticado e numeroso dispositivo de seguranza se vai activar. Trump foi retirado do escenario, ao que voltaría a seguir ao comprobar os axentes do servizo secreto que Cristes non portaba nengunha arma.
En declaracións obtidas en exclusiva por The Guardian, Crites declarou que se viu arrodeado por seareiros de Trump que mallaron nel e que o patearon no chan.
Crites afirmou que está inscrito como republicano desde hai 6 anos, mais que considera Trump "un fascista" polas súas declaracións contra as mulleres, os musulmáns e os mexicanos.
Incidente á marxe, as sondaxes de última hora sinalan que non hai favorito claro para a elección da próxima terza feira. Cllinton aparecía como gañadora indiscutíbel días atrás, até que se coñeceu que o FBI reabriu a investigación sobre o uso do seu correio electrónico privado, desde o que tería enviado pretensamente material reservado susceptíbel de afectar a seguranza nacional. Trump non desaproveitou este balón de oxíxeno -o fiscal até agora considera que Clinton non cometeu delito, mais si que foi imprudente- para remontar nas sondaxes.